(...)
Algúns homes -galegos tamén- andan a falar dun idioma
universal, único para toda nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica
sentir envexa das formigas e das avellas. Son os mesmos que perderon o anceio
de chegar a ser deuses e renegan das inquedanzas que produce a sabiduría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o siño distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animales. Velahí vai a demostración: un can de Turquía oubea igoal que un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas arxentinas rincha igoal que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por qué? Porque os animais aínda están no idioma universal.
Un idioma non nasce pola vontade xenial dun grupo de homes: nasce pola predisposición psicolóxica dun pobo que, en condicións históricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondiente maneira de expresión. Porque un idioma é o corpo sensible dunha cultura e todo atentado á lingoa peculiar dun pobo representa un atentadoá súa cultura particular. Mais os pobos teñen unha forza máxica invulnerable, e por esto as nacións asoballadas poden verse privadas do seu poder creador ou poden convertirse en parásitos da cultura doñiñante; pero endexamáis se deixan asimilar. O problema do idioma en Galiza é, pois, un problema de dinidade e de liberdade. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legales para o desenrolo natural do noso esprito, porque queremos volver a presentarnos dinamento no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura para ofrendarllo ó acervo espritual da Humanidade.
(...)
(...)
A impermeabilidade do noso esprito resisteu as acometidas esterilizadoras do sistema uniformista; pero é induvidable que os siños espirituales da nacionalidade galega puderon morrer asimilados. O que non podía morrer era a Terra -siño permanente da nación-, porque por moito poder que o Estado centralista tivese, sempre resultaría impotente para convertir o noso territorio en planura castelán. E quedándonos a Terra-nai non-os mataban a posibilidade de revivir, porque a Terra é a fonte de vida. Ela fainos á súa semellanza, con terra, pedra e auga, que son carne, oso e sangue do noso corpo. Ela fainos entristecer no outono, chorar no inverno, surrir na primaveira e gargallar de ledicia no vrán. Todo coma ela. ¿E quén podería abolir a "morriña" dos galegos que viven fora dos eidos nativos? Porque ese sentimento diferencial é fecundo para crear xeitos propios de arte e, polo tanto, de cultura.
(...)
(...)
O siño diferencial da psicoloxía galega está, principalmente, na "saudade". Esta verba é coñecida dos hespañoles; pero somentes nós sabemos o qué siñifica. Este siñificado ninguén acertou a espresalo; nin siquera Rosalía de Castro, que foi o corpo mesmo da saudade. Pero a saudade eisiste e anda sempre con nós.
(...)
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
No hay comentarios:
Publicar un comentario